Friday, July 6, 2007

un ano mais




Un ano máis ela fai a mudanza. Comeza a estar cansa de andar con todo ás costas, coma os caracoliños, pero non pode ficar queda. Dóelle aturar a respiración máis de tres segundos nun mesmo sitio, nunha mesma posición.
É por iso que hoxe encheu o corredor de caixas para gardar todas as perrucas, os zapatos de tacón, o neceser, os libros e o cargador do móbil. Todo o demáis pode ficar atrás, menos o corazón. Iso non: "O corazón sempre debe ir por diante, coma os carriños do súper" -pensa ela.
Logo dase unha ducha co pouco xabón que reside no fondo do bote, e pensa que quizáis hoxe si poida mollar o chan do baño ao sair. Á merda coas zapatillas!. Vai calor e pouco máis ten, nada queda.
Sinte que iso de ter a vida en caixas non é tan malo anque ás veces se poña un pouco triste de pensalo, que a sociedade básase nos metros de terra que tes de propio, no númeo de baldosas onde colocar as alfombras e as lámpadas de pé. Así, que millor. Baleira. Oca. Hoxe o paseo da tarde saberá a limón doce na testura. Nada pesa. Nada teño. Todo ben comigo cara algures e eu tamén.

Música para a mudanza.- Grace de Jeff Buckley