Friday, July 6, 2007

un ano mais




Un ano máis ela fai a mudanza. Comeza a estar cansa de andar con todo ás costas, coma os caracoliños, pero non pode ficar queda. Dóelle aturar a respiración máis de tres segundos nun mesmo sitio, nunha mesma posición.
É por iso que hoxe encheu o corredor de caixas para gardar todas as perrucas, os zapatos de tacón, o neceser, os libros e o cargador do móbil. Todo o demáis pode ficar atrás, menos o corazón. Iso non: "O corazón sempre debe ir por diante, coma os carriños do súper" -pensa ela.
Logo dase unha ducha co pouco xabón que reside no fondo do bote, e pensa que quizáis hoxe si poida mollar o chan do baño ao sair. Á merda coas zapatillas!. Vai calor e pouco máis ten, nada queda.
Sinte que iso de ter a vida en caixas non é tan malo anque ás veces se poña un pouco triste de pensalo, que a sociedade básase nos metros de terra que tes de propio, no númeo de baldosas onde colocar as alfombras e as lámpadas de pé. Así, que millor. Baleira. Oca. Hoxe o paseo da tarde saberá a limón doce na testura. Nada pesa. Nada teño. Todo ben comigo cara algures e eu tamén.

Música para a mudanza.- Grace de Jeff Buckley

Monday, July 2, 2007

limpeza




Escribir en contenta nunca é doado
pero hoxe todo olla coa limpeza dun colirio
e teño o corpo aberto para acariñarte suave
coma unha perruca
nova do trinque


Fotografía: Jeff Koons

Wednesday, June 27, 2007

casa de bonecas



As bonecas marcharon
agora
só quedou a casa

Saturday, June 23, 2007

sanxoan




Atopeite aquela noite de sanxoan

Wednesday, June 20, 2007

día formiga





Hoxe foi un deses días nos que semello estar dentro dun comic ( banda deseñada )

Hoxe podería vestirme de pin-up e rir sen parar nas prazas da cidade,beber nas fontes non potábeis, contar as letras dos vosos nomes e facer conxeturas que non van a ningures

Non sei

Un día deses no que as formigas percórrenche en fieira índia tódolos poros da pel, mentras miras cara outro lado porque sabes á perfección que camiño debes coller

Día comic
Día pin-up
Día berro
Día fonte
Día sede
Día formiga

24 horas
don't stop

Monday, June 18, 2007

de reality 2





Porque definitivamente as viaxes en bus son unha das experiencias máis excitantes que os cidadáns da pé temos á man, a miña necesidade por comunicar non ten lindeiros nesta tarde, que o ruído do motor comeza a entoar nos meus oídos.

Hoxe sí collín ese bus.
Sen erguerme contenta, sen depilarme baixo o teléfono da ducha, sen almorzar.
Hoxe saltei con pértiga o almorzo e corrín cara o xantar directamente, coa suor entre as mans e un café con leite para despistar o retraso.

A miña mochila é máis grande que pequena, anque non pese.
O pixama, o neceser e o cargador van comigo. O libro lévoo directamente no bolso. Releo o título unha e outra vez, as palabras que me fan sentir que pinto algo en todo isto. Como a Maga bailando polas pontes de París, entre río e río.
Pérdome con ela.

Finca / casa / sinal / frecha / carballeira / coche / raias / moto / sinal / choiva / asfalto / senusite.... o de hoxe vai por estrada. Para en cada recuncho óptimo. Eu, saúdo aos que chegan entre bosquexo e trago de cuspe.

A viaxe saiume máis barata, si, máis tardarei aproximadamente uns vinte minutos por riba. Vinte minutos nos que estarás a agardar na estación por mín. Supoño que algo cabreado, supoño que movendo os dedos dentro dos petos, sen entender moi ben porque non che avisei da miña demora.

Terás tempo de: sentar, erguerte, mirar as sms atrasadas do móbil, sentar de novo, ollar o reloxo... E mentras, eu imaxínote facendo danzas de desesperación e río para adentro.

Non son mala, pero aínda non comprendín os mecanismos que me convirtan en boa de todo. Demasiado branco. Nuclear demáis.

Aos poucos, o autobús chega, a xente baixa, baixo eu.
Non te vexo.
Búscote máis non te vexo.
Penso que te agochas tras unha columna para darme
unha sorpresa. Ninguén aparece.
Saio cara o aparcadeiro.
Non estás.
O teu coche tampouco está.
Baleiro.

A sintonía que escollín coma melodóa do móbil comeza a soar. Boto a correr coa man ao bolso. Tropezo co libro. Localizo a vibración. Recollo o teléfono. Escoito.

- Estou no salón da miña casa. Sabía que virías. Bule. Agárdote cunha manta coa que cubrirte e un televisor prendido onde ver a noite de nominacións.

- Mágoa. Creo que non vai ser. Hoxe non me erguín moi contenta. Dábame preguiza ir. No fondo, sempre pensei que serías tí quen virías verme.


Colgo o teléfono.
Vou cara a cafetería da estación e pido un con leite. Farei tempo. O seguinte autobús de volta sairá en media hora.


imaxe.- como non, de ryden

Tuesday, June 12, 2007

de reality




Os encontros nunca son como unha os imaxina. Iso non quere dicir que sexan malos ou bos. Simplemente, non rematan por se amoldar á escena imaxinada ao longo do traxecto previo ao momento en cuestión.

Érgueste da cama. Contenta. Abres a billa da bañeira. Mollas os pés. Depílaste. Almorzas despois de depilarte. Saes á rúa e mercas a prensa. Buscas nas páxinas os horarios dos autobuses....Hoxe vas ir alí, ao lugar onde o ocorrido aínda é un futurible.

A estación está lonxe. A mochila é pequena pero pesa. Nela quixeches metelo todo. O posible. Traxe de baño / neceser / roupa interior / libros / cargador do móbil... Unha chea de obxetos, mais nada en concreto. Todo a favor de obra. Nunca sabes o que che pode facer falla.

Cando unha pensa en sair á rúa, poucas veces perde o tempo en pensar como ha ser o regreso. Iso pouco importa. Eu diría que nada.

Un accidente no medio da autoestrada pode facer que te demores.
Un conductor con incontinencia pode facer que o autobús realice paradas en cada área de descanso.
Un grupo de porcoespiños, ou pequenos animais con ollos escuros e en perigo de extinción, poden decidir emprender un éxodo neste día que ti desexas sair da túa cidade, cortándoche o paso e picándoche as rodas do carro se te decides a lles pasar por riba.

A unha sempre lle dá tempo a se imaxinar este tipo de episodios nos minutos previos a un encontro desexado.
Comprobar que os rizos están ben definidos no reflexo do cristal do bus, tamén é un clásico.


Ás once da noite, cando no televisor comezan a botar debates sobre personaxes de realities, tápome coa manta do sofá as puntas dos pés. Reparo no suxa que está a alfombra e perdo a vista nas boliñas, mentras percibo coma a canción que elixín coma timbre do meu móbil comeza a soar.

- Hoxe daría calqueira cousa por que estiveras aquí, comigo. Por un momento imaxinei que collerías un bus nun deses impulsos teus, que te plantarías no salón da miña casa, que te acariñaría debaixo da manta que cubre o sofá.

- Está noite no concurso da selva hai nominación e , por certo, segundo lembro nunca mo pediches.

imaxe.- manuel lópez herrera